Industria e sector forestal celebran o Día internacional dos Bosques

Betanzos HB uniuse ao conxunto do sector forestal galego na celebración do Día Internacional dos Bosques que, coa participación dunha vintena de asociacións e entidades que representan a toda a cadea da madeira, reuniuse no Centro de Formación Agroforestal de Sergude en Boqueixón (A Coruña).

O evento contou cunha mesa redonda baixo o título ‘Bosques galegos no século da bioeconomía’, para reflexionar sobre a importancia actual do bosque galego e o seu futuro dentro do marco da xestión sostible, e con varios relatorios co fin de destacar o desenvolvemento do rural, a mellora do medio ambiente e o progreso da silvicultura e a industria forestal en Galicia.

A xornada finalizou coa inauguración dun Centro Demostrativo no Pico Sacro de Lestedo. Trátase de vinte hectáreas xestionadas pola Asociación Forestal de Galicia, que conta coa opio de varios equipos da Universidade de Santiago, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e da Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego, así como do grupo Inditex. Ademais, funcionará como Escola de Silvicultura que permitirá ás comunidades de montes, propiedades forestais e técnicos coñecer novos métodos de plantación e técnicas de poda ou aproveitamento mixtos de madeira de calidade coa explotación de cultivos e froitos do bosque.

Betanzos HB participa deste proxecto como socio do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

16 + 13 =