Presentación do proxecto LIFE EcoTimberCell

Hoxe presentouse no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o proxecto LIFE EcoTimberCell, cuxo título completo é  “Sistemas estruturais celulares ecolóxicos para unha edificación modelo de mitigación de cambio climático e posta en valor do sector forestal”. Neste proxecto de I+D+i participan Betanzos HB xunto co Campus Terra da USC, a través da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE); o Centro Tecnolóxico Forestal da Madeira (CETEMAS) e o Instituto de Tecnoloxía da Construción de Cataluña (ITEC).

O principal obxectivo é reducir o consumo enerxético na construción mediante o desenvolvemento de produtos construtivos de madeira local procedente de xestión forestal sostible. Dado que os edificios representan o 40% do consumo de enerxía final da UE, reducir o consumo enerxético dos mesmos enténdese como a forma máis eficaz para axudar a mitigar o cambio climático. Por iso,  LIFE EcoTimberCell é unha iniciativa que promove a substitución de materiais de construción con alta pegada de carbono como son o formigón e o aceiro, por  uns sistemas que serán totalmente reciclables unha vez remate a vida útil dos mesmos, reducindo deste xeito os residuos.

Este proxecto, aprobado pola Comisión Europea, conta cun orzamento de dous millóns de euros, dos que UE , a través dos Fondos Feder, achegará o 59% do orzamento, mentres que o resto de participantes asumen o 41% restante, converténdose nunha aposta por unha construción eficiente, unha produción forestal sostible e a promoción de emprego verde local.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

17 + 7 =