Betanzos HB obtivo a prestixiosa distinción goCircular Pass, un selo creado por TheCircularLab que recoñece o potencial para contribuír á transición cara á economía circular, destacando entre a comunidade emprendedora.
Este selo recoñeceu este ano a 32 empresas, 24 delas españolas, entre as que se atopa a factoría de Betanzos. Entre os requisitos para conseguilo está contar cun alto nivel de innovación nos produtos, ofrecer unha carteira de solucións que contribúan á economía circular e achegar documentación de apoio que demostre a capacidade de engadir valor á circularidade.
Un comité de avaliación formado por expertos con ampla experiencia no ámbito da economía circular, creado por TheCircularLab, foi o encargado de avaliar as solicitudes e tomar a decisión final sobre a concesión de goCircular Pass.
Actividade Betanzos HB
A actividade innovadora de Betanzos HB céntrase en ofrecer solucións baseadas na natureza para dar resposta á necesidade de materiais duradeiros, saudables e biodegradables nunha nova sociedade consciente e responsable.
Para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) é necesario repensar os materiais, así como redeseñar produtos, de forma que faga posible unha economía circular.
Tablex é un produto elaborado a partir de rexeitamentos da industria forestal local que contribúe á mitigación do cambio climático capturando carbono ao longo do seu ciclo de vida, desde o crecemento das árbores ata a súa conversión en produtos duradeiros. Ademais, pódese reutilizar polas súas excelentes propiedades de resistencia e densidade, e reciclarse para fabricar novos taboleiros que estenderán a captura de carbono sen necesidade de novos recursos.
Betanzos HB tamén forma parte de goCircular Radar, o mapa das startups máis innovadoras do sector da economía circular, no que xa aparecen máis de 190.