FSC España lanzou, a través do seu proxecto ‘Have a wood day’, unha enquisa online que persegue promover o uso da madeira na construción.
Esta iniciativa, que apoia Betanzos HB, pretende dar valor á madeira como material belo, natural e ecolóxico sempre que proceda de fontes sostibles, e impulsar a súa utilización en construcións e rehabilitacións, tanto públicas como privadas. A esta iniciativa súmanse xa estudos de arquitectura, asociacións, organizacións sen ánimo de lucro e empresas.
A sondaxe de investigación de FSC vai dirixida a arquitectos ou enxeñeiros, tanto os que traballen como profesionais libres como se o fan en oficinas técnicas ou departamentos de deseño ou na área de compras de proxectos de edificación de obra nova e/ou rehabilitación. O obxectivo final é obter datos directos en relación ao uso da madeira e os seus derivados no ámbito dos proxectos construtivos. Grazas a ela será posible contar cun diagnóstico real sobre o seu uso, base para poder poñer en marcha accións futuras relacionadas coa súa promoción e posta en valor.
A pesar de que a madeira ten excelentes propiedades para o seu uso construtivo, moi valoradas en toda Europa, aínda se emprega pouco en España. Si esta procede de bosques ben xestionados, como son os que certifica FSC grazas ao seu esixente sistema internacional, axúdase directamente na conservación e mellora das masas forestais.
O programa conta co cofinanciamento da STTC (Sustainable Tropical Timber Coalition), coalición público-privada constituída nos Países Baixos a través de IDH Tropical Timber para promover o uso das madeiras tropicais nos proxectos construtivos, e que á súa vez se financia de axencias gobernamentais de países como Suíza.
Betanzos HB subministra taboleiro duro de fibras de madeira (HB) certificado FSC, tanto en acabado natural como pintado, para unha gran cantidade de aplicacións construtivas, de revestimentos e decorativas.