O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia (CDM) organizou o pasado venres unha reunión dos seus socios co director da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema. A cita, á que asistiron responsables de Betanzos HB, serviu para que unha trintena de representantes da cadea de valor da madeira galega puideran dialogar de xeito aberto co responsable deste organismo autonómico de recente creación.
Segundo a Xunta de Galicia, a Axencia Galega da Industria Forestal actuará como interlocutor e centrará o seu traballo en colaborar coas pemes que conforman a cadea forestal e que se dedican á corta, seca, silvicultura e comercialización de madeira en bruto, xunto cos serradoiros e as empresas de carpintaría e mobles.
Este novo ente dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, favorecerá a posta en marcha de medidas para incentivar o emprego na fabricación de produtos de consumo, facer máis competitivo o sector, desenvolver programas de innovación tecnolóxica ou apoiar a apertura de novos nichos de mercado.