Financiamento europeo para investigar novos uso do eucalipto galego

Betanzos HB é unha das empresas participantes en dous proxectos, Innobiorre e Demadera, seleccionados pola Axencia Galega de Innovación (Gain) para ser financiados con fondos europeos a través do programa Conecta Peme 2016-2018, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia fomenta a cooperación entre pemes galegas e os demais axentes do Sistema Galego de I+D+i.

Os dous proxectos seleccionados, vixentes ata 2018, baséanse en novidosas aplicacións de valor engadido para o eucalipto, partindo dun concentrado de extractos de madeira que se xera durante o proceso de fabricación dos taboleiros de alta densidade. O departamento de I+D de Betanzos HB leva anos investigando posibles aplicacións deste coproduto, 100% natural e que contén compostos de alto valor engadido como lignina, taninos, polifenois e azucres derivados da madeira.

O proxecto Innobiorre investigará as aplicacións deste concentrado de extractos para mellorar a resistencia e durabilidade de elementos construtivos como asfaltos, betúns ou cementos. Betanzos HB comparte labor investigador neste proxecto coas empresas Extraco, Soutos Sativa, Galaicontrol, Indutec e Renga, así como coas Universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

Pola súa parte, o proxecto Demadera desenvolverá a posible utilización dos extractos de madeira como aditivo para a produción de viños e bebidas refrescantes novidosas. Nesta iniciativa, Betanzos HB vai da man coas empresas Conejos de Angora Gallegos e Mercantia Desarrollos Alimentarios, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), Anfaco-Cecopesca e Evega-Ingacal.

Acerca de Conecta Peme

O programa Conecta Peme da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia é promovido pola Axencia Galega de Innovación (Gain) para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema Galego de I+D+i, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

three + 16 =