Os socios do proxecto EcoTimber Cell, entre os que se atopa a Universidade de Santiago de Compostela, a empresa Betanzos HB, o centro de investigación CETEMAS, o instituto ITEC e a empresa 3edata acaban de publicar o catálogo e as fichas técnicas do noso Tablex (taboleiro de fibras de madeira de alta densidade cento por cento ECO) pondo en valor o seu uso para construción sustentable, grazas ás súas calidades melloradas de resistencia mecánica, humidade e reacción ao lume.
O noso Tablex, obtido a través de restos de curtas de madeira certificada mediante xestión forestal sustentable, destaca como produto 100% biodegradable no que a propia lignina da madeira funciona como adhesivo natural para a unión das fibras de madeira, evitando o uso de ligantes artificiais típicos noutros taboleiros de madeira.
O coñecemento en detalle das propiedades do Tablex é unha actividade fundamental para o correcto desenvolvemento da célula que se estuda no proxecto EcoTimberCell e EcoTimberCell+, así como do resto de produtos derivados da mesma que desembocarán nas ETC Home, vivendas modulares que fomenten a demanda de madeira local procedente de xestión forestal sustentable.
Os socios integrantes deste proxecto, a Universidade de Santiago de Compostela, a empresa Betanzos HB, o centro de investigación CETEMAS, o instituto ITEC e a empresa 3edata traballan no desenvolvemento das accións que conduzan á obtención dun taboleiro de fibras adaptado aos sistemas estruturais EcoTimberCell con calidades melloradas de resistencia mecánica, á humidade e reacción ao lume.
Completa caracterización para uso estrutural
Para o coñecemento do taboleiro en profundidade é necesario realizar unha completa campaña de caracterización que inclúe ensaios para a determinación das propiedades físicas e mecánicas.
Os resultados reflectidos no documento que agora se publica ponse a disposición do público en xeral para un maior coñecemento sobre o taboleiro TABLEX de Betanzos HB, a súa aplicabilidade en elementos estruturais para a construción e como se avanza cara aos sistemas modulares EcoTimberCell, as ETC Home.
No catálogo preséntanse os principais resultados obtidos abarcando as seguintes propiedades: condutividade térmica, humidade, densidade, permeabilidade ao vapor de auga, resistencia, rixidez a flexión, tracción, cortante e compresión.