O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou onte o primeiro encontro Agrobiotech Innovación, que se celebrou durante os dous últimos días no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que segundo sinalou nace con vocación de continuidade co obxectivo de converter a provincia nun “núcleo da innovación dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa”.
Esta cita, que marca o final do Proxecto Agrobiotech Innovación, no que Betanzos HB participou de xeito activo, pretende incentivar a cultura de innovación nas empresas para facer dos seus procesos e áreas de negocio espazos máis eficientes, creativos e competitivos. O encontro, ao que asistiron máis de 400 persoas, en representación de todos os axentes implicados dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa, considerouse un éxito, tanto polo elevado nivel dos relatores, de ámbito nacional e internacional, como pola intensidade das reunións mantidas entre os diferentes axentes da innovación e empresas do sector, o que redundará, sen dúbida, nunha maior colaboración e competitividade das empresas participantes.