Asociacións forestais de Galicia; propietarios de montes; industria da madeira; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e de Ordenación Territorial da Coruña, Cristina Carrión; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; e o presidente da xunta reitora do monte veciñal de Oín, Luis Añón, entre outros, déronse cita hoxe no monte veciñal de Oín, para render unha homenaxe ao monte galego con motivo do Día Internacional dos Bosques. O evento contou cunha representación de Betanzos HB como axente clave da industria forestal galega.
O presidente do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias, quixo destacar na súa intervención a importancia que teñen os bosques pola súa contribución á sustentabilidade social, económica e medioambiental. Segundo Iglesias, “Galicia non se entende sen o seu monte nin as súas xentes. Falar de Galicia é falar de verde, de árbores, de cheiro a herba mollada, da morriña que nos invade cando estamos lonxe da nosa terra”.
Durante o acto púxose de manifesto a gran contribución dos propietarios de montes á economía galega. Só en madeira, producen 8,7 millóns de metros cúbicos e facturan preto de 250 millóns de euros anuais, que se distribúen entre moitas familias galegas. Se a totalidade do monte galego estivese ben xestionado, daría emprego cada ano a preto de 20.000 persoas.
Ao termo do acto simbólico, os asistentes fixeron un percorrido polas parcelas do monte de Oín para coñecer as diferentes especies e a xestión que se realiza neste lugar.